miércoles, 28 de octubre de 2015

OS MACROINVERTEBRADOS DE AUGA DOCE EN VIDEO

No seguinte ENLACE podedes ver un curto pero interesante video sobre os macroinvertebrados de auga doce no seu medio.

PROXECTO RIOS 15-16

Aproveitando un bo día deste excepcional outono, o pasado xoves 22 de outubro os 15 de alumnos de 4º da ESO da materia de bioloxía e xeoloxía fixemos unha saída para realizar un traballo de campo de análise da calidade biolóxica e fisico-química do rio Xuvia ó seu paso por San Sadurniño. Este é o 4º curso consecutivo que alumnado do CPI de San Sadurniño, no marco do proxecto Rios e do plan Proxecta, realiza esta actividade.
A día de hoxe, e unha vez recollidas as mostras, o alumnado está a realizar o tratamento dos datos e os informes relativos a esta inspección. En breve publicaremos eiquí os resultados.






jueves, 25 de junio de 2015

VISITA AO RÍO MANDEO E Á AULA DE NATUREZA DE CHELO.

O pasado 12 de Xuño fixemos unha actividade interdisciplinar dos departamentos de Educación física e Bioloxía - Xeoloxía, esta actividade consistiu nunha ruta de senderismo dos alumnos e alumnas de 1º ESO polo Rio Mandeo e visita á aula de natureza de Chelo. Aqui tedes algunhas fotos:



lunes, 1 de junio de 2015

ANALIZAMOS A CALIDADE DA AUGA DO RÍO XUBIA AO SEU PASO POR SANSA.

O día 15 de Abril os alumnos e alumnas de 1º da ESO fomos pola mañá ao Río Xuvia ao seu paso por San Sadurniño.
Analizamos a calidade da auga observando os diferentes macroinvertebrados os cales nos indicaron que a calidade da auga era moi boa.









Tamén vimos as diferentes árbores que se atopaban na beira do río como ameneiros, freixos, loureiros, abeleiras, salgueiros...

miércoles, 6 de mayo de 2015

TRABALLO DE CAMPO-VISITAMOS A PLANTA POTABILIZADORA E A DEPURADORA

Onte martes 5 de maio tocaba "baixar á area" e facer in situ todas esas medidas biolóxicas e físico-química que nos axudarán a determinar se a calidade das augas do río é aceptable ou non...
Empezamos a viaxe ao rematar as clases da tarde e alá nos fomos todos ata o río aceiteiro, o punto de captación das augas que chegarán finalmente ás casas de San Sadurniño.







Alí distribuímos traballo e as rapazas puxéronse mans á obra.

Ás veces, tomar as mostras para analizar invertebrados nos é tarefa sinxela...¿non si Tania?


Por outra banda, Belén tomou a medida do pH e a temperatura, parámetros importantes para validar os resultados das análises.
O pH baixou un pouquiño de 7 e a temperatura situouse sobre os 15ºC.





A turbidez, medida de xeito moi rudimentario cun disco de Secchi, confirmaba que era unha auga bastante clara.


Diana preparou o material para medir in situ a concentración de osíxeno mediante unha variación do método Winkler.
O primeiro, tomar a mostra no río, enxuagando ben e despois enchendo o frasco ata os topes, procurando que non queden burbullas de aire.



Para empezar despois a bateria de reaccións en cadea. O sulfato manganoso e o ioduro alcalino, xunto coa adición de ácido sulfúrico farán que fixemos o osíxeno disolto en forma de oxi-hidróxido de manganeso e liberemos iodo. ¿Non vos recorda esa cor a algo? (buscade no botiquín...)







Co osíxeno xa fixado, tomamos alícuotas de 5 mL para levar a cabo dúas análises...
Esta parte consiste simplemente nunha valoración redox empregando amidón como sustancia indicadora. Cando metemos o amidón vemos esa cor tan característica azul. Engadindo o tiosulfato de sodio reducimos o iodo e ioduro e cando rematemos esa cor azul esvaecerase de súpeto. 




A reproducibilidade da medición foi boa. Na primeira vez o resultado foi de 8mg/L e na segunda de 9mg/L, o cal indica que son unhas augas magníficas para a vida acuática.
Tendo en conta a temperatura da auga duns 15ºC e a presión atmosférica arredor de 770 mmHg, a cantidade máxima que se pode disolver de osíxeno en auga nesas condicións sitúase sobre os 10,3 mg/L, o cal se eliximos como valro representativo a media (8,5 mg/l) supón un 8,5/10,3 x 100 = 82,5% de saturación, o cal lle da á auga unha calidade AXEITADA.

Despois proseguimos coas medidas de nitratos, nitritos, amonio, fosfatos e dureza. O cal comparamos co kit cualitativo que levábamos de man...


Levábamos xa unha hora e media medindo e o tempo botábase enriba...tiramos para a potabilizadora. Unhas bombas elevan a auga desde o punto de captación ata ela. Alí, nestas instalacións:



Faise un tratamento físico-químico moi simple. Trátase con hipoclorito de sodio e cloro activo para finalmente filtrar a auga a través de area...e lista para ser consumida. Realmente a calidade da auga de orixe xa é bastante boa e pouco tratamento precisa...
Aquí temos ao grupo vendo o proceso e disfrutando das vistas da bisbarra desde este estratéxico punto situado na Agra de arriba, a uns 120 m de altura...(a captación de auga está a uns 60 m de altura)

Eran máis das sete e media da tarde e tiñamos o tempo xusto para visitar a outra parte da historia: as augas que saen das casas de San Sadurniño ¿Que se fai con elas? ¿A onde van parar?
Pois temos unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) á saída do pobo. Alí explicamos un pouco do funcionamento da planta, a filtración, a aireación, a depuración mediante bacterias aerobias e a devolución ao río da auga tratada, que é a que máis nos interesaba, porque queríamos determinarlle algúns parámetros fisico-químocos e sacar conclusións...







Era moi tarde e non non daba tempo a medir in situ. Tomamos mostras en frascos axeitados para medir ao día seguinte no laboratorio



Rematou así a xornada vespertina de traballo experimental que nos levou a percorrer as zonas que podedes atopar no seguinte mapa da zona.


Foi un día interesante que lles permitiu ao noso de grupo de osadas rapazas familiarizarse cos kits de medición e levar o traballo científico a onde xurde a necesidade de empregalo.

lunes, 27 de abril de 2015

Calidade Biolóxica do Río Xuvia

CALIDADE BIOLÓXICA DO RÍO XUVIA

1. Introducción
Trátase de estudar a calidade biolóxica do río Xuvia mostreando unha determinada zona: recollendo mostras de macroinvertebrados e clasificándoos.

2. Técnica usada
O día 14 de abril baixamos ao río, concretamente ao lado da presa de San Sadurniño. Levamos o material necesario para recoller as mostras: un badeador para meterse no río; tres pinzas, lupas, bandexas e botellas, unha por cada grupo; e un truel para atrapar os macroinvertebrados. Ao chegar nos dividimos en tres grupos e repartimos o material. Unha compañeira púxose o badeador e introduciuse no río para recoller mostras para os grupos. Removeu o fondo e coa axuda do truel capturar os macroinvertebrados. Os colocamos nunha bandexa cunha pouca de auga. Despois cunha lupa os observamos máis de cerca e cunhas follas (clave dicotómica e indicador do estado de saúde do río) os identificamos e clasificamos.

3. Conclusión
O estado do río, dende un punto de vista biolóxico, é moi bo xa que encontramos tricópteros: insectos que só viven en condicións moi boas xa que son moi esixentes co seu hábitat.

jueves, 23 de abril de 2015

CALIDADE BIOLÓXICA DO RÍO XUVIA

O martes 14 de Abril fixémos unha saída ao río Xuvia co obxectivo de coñecer o seu estado de saúde, para isto mostreamos unha zoa na que se encontraban varios macroinvertebrados que nos permitirían saber a calidade biolóxica que había nese tramo do río. Os materiais que empregamos foron: Un badeador, un truel, bandexas, pinzas, pipetas, lupas e algunhas botellas. Unha vez no río, en concreto na zoa baixa da presa, dividímonos en tres grupos de tres persoas cada un e repartimos os materiais. Unha vez feito isto, procedemos a meternos na auga co badeador e o truel en busca de macroinvertebrados, comezamos a remexer o fondo, e unha vez collidos os bichiños dispuxemolos nas bandexas co fin de identificalos mediante unhas laminas de referencia. Axudámonos das pinzas e das pipetas para collelos, e das lupas e as botellas para observalos máis detidamente. Obtivemos varios plecópteros, efemerópteros e tricópteros, polo tanto o resultado da calidade do río é moi boa.

miércoles, 22 de abril de 2015

Calidade biolóxica da auga do Río Xuvia

O pasado día 14 de abril,fomos ata a presa do Río Xuvia que hai en San Sadurniño a medir parámetros para así saber a calidade da auga e observar os organismos macroinvertebrados que hai no río.

viernes, 17 de abril de 2015

MOSTREO MARTES 13 ABRIL

Aproveitando o bó tempo, este martes 13 de abril, tivemos unha nova sesión de hora e media de duración do proxecto de calidade das augas do rio Xubia que estamos a desenvolver dentro do programa de excelencia de contratos programa.
Saímos as dúas da tarde do centro con unha calor abafante. Chegamos ó rio e buscamos unha zoa propicia para mostrear. Desta vez escollimos a zoa da presa que hai antes do muiño do Pepe.
Dividímonos en 3 grupos de 3 para facer a identificación dos invertebrados acuáticos recollidos.
Todos quedamos sorprendidos da cantidade e diversidade de invertebrados atopados nesta ocasión, polo que despois de aplicar o índice de calidade biolóxica saíunos un EXCELENTE.
Eiquí van unhas fotos da xornada.
alumnas separarando as mostras de invertebrados

unha pequena mostra dos invertebrados atopados

martes, 10 de marzo de 2015

ELEXIMOS OS PUNTOS DE MOSTREO




Hoxe tivemos unha nova sesión de traballo sobre o proxecto de calidade das augas superficiais no entorno do río Xubia en San Sadurniño.
Fixemos unha posta en común do informe anual de 2014 do proxecto rios no que participamos no ano pasado e que continuamos neste ano. 
Tamén estivemos escollendo os posibles puntos de mostreo atendendo a criterios como proximidade a industrias e outras posibles actividades prexudiciais, proximidade a depuradora de augas residuais e tamén zoas que en principio consideramos sin ningunha alteración. 
Situamos os puntos de mostreo en Google Earth utilizando a pizarra dixital do laboratorio.

jueves, 26 de febrero de 2015

COMEZAMOS O PROXECTO SOBRE A CALIDADE DA AUGA DO RÍO XUVIA EN SAN SADURNIÑO

O pasado martes fixemos a primeira sesión do obradoiro sobre a calidade da auga do río Xuvia en San Sadurniño.
Á sesión acudiron 9 rapazas de 3º e 4º da ESO que participarán este ano neste proxecto.
Nesta primeira sesión os profesores responsables do proxecto fixemos unha introducción ó mesmo e puxemos en común o plan de traballo inicial para a tarefa presentada.
A vindeira sesión será o próximo martes e nela poñeremos en común as fases do método científico e a súa aplicación a este proxecto.